Camiño de Santiago
O Camiño Inglés
Sóache o Camiño de Faro? Trátase do Camiño Inglés, chamado dese xeito debido a que partía do antigo arciprestado de Faro, formado polo que hoxe serían, fundamentalmente, os concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo. O Burgo de Faro foi unha próspera poboación no século XII, protexida por reis, poderes eclesiásticos e os condes de Traba, destacando a presenza dos templarios. Hoxe en día, polo mes de xullo, realízase un mercado que nos leva de viaxe ao medievo.

Durante a Idade Media, Santiago de Compostela converteuse en Centro de Peregrinacións. Os Camiños que vertebran Galicia e que teñen como meta Santiago dan boa conta deste feito. Dende que se comezou a falar da tumba do Apóstolo ata o día de hoxe moitos séculos foron pasando, e a pesares de épocas de altos e baixos, pódese afirmar que os camiños son unha verdadeira fonte de unión, riqueza e cultura. Mostra diso son os recoñecementos que leva recibido por parte da Unión Europea- Primeiro Itinerario cultural europeo no 1987-  ou pola UNESCO- o Camiño de Santiago é Patrimonio Europeo da Humanidade dende 1993-.

O Camiño que percorre Culleredo é o chamado Inglés pola variante coruñesa. Como o seu nome indica, era o empregado por ingleses, pero tamén irlandeses, da costa occidental francesa, flamengos ou doutras zonas do norte de Europa. Os peregrinos de xeito xeral chegaban en navíos ao porto da Coruña ou do Burgo de Faro, tendo que percorrer unha distancia de arredor de 75 km para chegar a Compostela.

A pesares de non cumprir os 100 km mínimos para recibir a Compostela, dende finais do ano 2016, é posible a obtención da mesma cumprindo unha serie de requisitos diferentes segundo a procedencia do peregrino. No caso de que sexa estranxeiro ou doutra comunidade autónoma, tense que demostrar que se percorreu unha parte do Camiño no seu lugar de orixe antes de facer a distancia entre Coruña e Compostela. No caso de que o camiñante sexa da Coruña ou a contorna, ten que presentar unha proba deste feito e ter percorridos os lugares xacobeos da cidade herculina.

Os peregrinos que decidan percorrer esta fermosa ruta atoparanse con algúns dos lugares máis fermosos do noso concello. Camiñarán e gozarán das vistas pola ría do Burgo – ollo ás aves que enriquecen a ría-, o Xardín botánico Ría do Burgo, a ponte medieval do Burgo, a igrexa románica de Santiago, a igrexa neoclásica de Almeiras ou a estatua do Cabaleiro.

A sinalización está presente polo percorrido, dende a súa entrada no concello dende A Coruña ata a súa saída pola ponte da Xira, no parque empresarial de Alvedro. A cuncha de vieira indicará  que se está no Camiño, mentres que as frechas amarelas actuarán de indicadores de dirección cara Compostela.

Non se pode deixar de parar na igrexa de Almeiras para sacar unha foto das vistas da ría dende o alto, así como ao marabilloso percorrido polo paseo marítimo, con parada obrigada no xardín botánico.

Sen dúbida unha viaxe única e unha oportunidade magnífica para coñecer o noso concello. Estás preparado?

Bo Camiño!

 

Percorrido:

Avda. Miguel González Garcés
Rúa Alcalde Electo Carballo
Avda. Xoán Carlos I
Xardín Botánico- Paseo do Burgo
Ponte medieval do Burgo
Avda. da Coruña
Rúa Alexandre Bóveda
Avda. Galicia
Rúa Pelamios
Rúa San Xiao
Rúa Chueira
Rúa das Catas
Rúa Arcebispo Xelmírez
Rúa GA-2 Polígono Industrial
Rúa GA Polígono Industrial
Rúa Camiño de Santiago -Polígono Industrial
Rúa Parque Empresarial C-07
Ponte da Xira