
A presenza humana no Concello de Culleredo comeza dende hai moitos séculos. Dan boa conta diso as mámoas, restos megalíticos que nos recordan as tradicións funerarias, que atopamos no monte Xalo ou nos montes da Zapateira, mesmo se fala de camiños megalíticos. Estes elementos transportaríannos a hai máis de 4.000 – 6.000 anos de antigüidade.
Os castros tamén deixaron a súa pegada no noso concello, coma o de Sésamo, o mellor para o seu estudo, pero sen esquecer os de Alvedro, Orro ou Rutis. Tamén a romanización deixou o seu legado.
Xa na Idade Media, no século XII, e seguindo as indicacións do historiador do Concello de Culleredo e experto en temas templarios, Carlos Pereira, O Burgo viviu un momento de esplendor co chamado Burgo de Faro, que estivo motivado polo abandono da cidade da Coruña cara a un lugar máis seguro por mor das invasións. Constituíu un núcleo urbano medieval importante, onde estiveron asentados os templarios, e propiedades do Mosteiro de Sobrado e do Arcebispado de Santiago. O chamado Camiño de Faro a Santiago tería a súa saída neste núcleo. Recibiríanse barcos con mercancías e peregrinos do Norte, e foi protexido por monarcas ata comezos do século XIII, onde a cidade da Coruña comeza a rexurdir e O Burgo entra en declive ata que en 1312 se retiran os templarios. Nesta época constrúense un bo feixe das igrexas que herdamos hoxe. Seguindo no século XIV atopamos os primeiros documentos nos que figura a torre de Celas.
Durante os séculos posteriores producíronse as invasións inglesas e francesas, levando consigo partes da ponte medieval do Burgo entre outras desfeitas. Refórmanse algunhas igrexas e constrúense outras novas.
Ademais nos séculos XIX e XX, Culleredo convértese en lugar de vacacións e de residencia para a burguesía e fidalguía, nomes como o de Juan Lembeye ou Sofía Casanova entre outros, aparecen na memoria do concello. Chegan as novas infraestruturas, como o camiño de ferro ou o aeroporto, e novas industrias como a fábrica da Cros.
Hoxe en día, Culleredo é un concello que mira ao futuro, sempre cun ollar na súa historia; coñecerse para poñer en valor toda a cultura e patrimonio que ten para ofrecer.
O concello localízase ao surleste da cidade da Coruña, coa que limita no extremo noroeste, marcando a Ponte da Pasaxe a fronteira entre estes dous concellos, mentres que polo oeste atopamos o Concello de Arteixo, ao noreste Oleiros, ao este Cambre e ao sur Carral, A Laracha e Cerceda. Todos pertencentes á área de influencia da cidade da Coruña.
Culleredo está fortemente marcado pola ría que leva o nome dunha parroquia do lugar, O Burgo, e polo conxunto montañoso que pecha o concello polo sur, o monte Xalo, aínda que tamén os montes da Zapateira marcan un contraste xeográfico. Unha sucesión de regatos van salpicando o concello e verten as súas augas aos principais ríos, o río Mero que forma a ría e o río Valiñas, afluente do anterior. Destaca o Trabe, cun paseo fluvial, ou o Rego das Xesteiras, cunha fantástica ruta na que deleitarse coa natureza e etnografía. O val de Veiga salpica Culleredo, dotando ao mesmo dunha cor especial.
Unha das maiores riquezas do municipio é conxugar á perfección unha área urbana, na que lugares como O Burgo, Vilaboa, Fonteculler ou A Corveira destacan; e outra parte máis ligada ao rural coas parroquias de Almeiras, Culleredo, Sésamo, Orro, Celas, Castelo, Ledoño, Sueiro e Veiga. Sabendo sacar as mellores vantaxes dos servizos no urbano e a tranquilidade de áreas máis naturais e tradicionais. Deste xeito, a arquitectura que se presenta en Culleredo vén moi marcada por esta dualidade urbano-rural.
Culleredo é un concello en crecemento continuo, a poboación do concello está rondando os 30.000 habitantes. Un dato que nos fai estar orgullosos do bo ambiente que se respira no concello que fai que cada día máis persoas decidan vir e formar parte de nós.