“Capela, pombal e ciprés, pazo é”
A arquitectura civil galega está repleta de elementos singulares que a diferencian de calquera outra.
Se falamos de arquitectura civil en Galicia, nun lugar privilexiado están os pazos, antigas casas señoriais dos nobres dos séculos XVI ata, aproximadamente, o XIX. Situadas tradicionalmente no rural, representan o poder dos señores que dominaban a terra e vivían das rendas e recadacións de impostos e de produción agrícola. Os pazos poden ter diferentes estruturas coma planta en forma de U ou L. Adoitan estar feitos en granito, e nalgúns destacan os seus inmensos xardíns, as chemineas, as solainas, as balaustradas de pedra… Unha das formas de identificalos é seguindo o refrán “Capela, pombal e ciprés, pazo é”, que se cumpría especialmente nos pazos das familias máis importantes. No exterior, nun lugar visible, estaba o escudo da familia.
Aínda que Culleredo posúe un número elevado de pazos, a maior parte deles están en mans privadas. Algúns serven de vivendas, outros están agardando un novo rexurdimento, doutros podemos desfrutar mentres saboreamos os manxares da terra, e outros tiveron que ser trasladados por mor da ampliación do aeroporto.
Unha forma de coñecelos é achegarse a Tarrío, na rúa Leonzas, onde se poden observar casas grandes, a Casa Grande dos Caruncho, e pazos, o pazo de Culleredo e o pazo dos Ferrer. Estes elementos monumentais estaban localizados na contorna do aeroporto, por mor da súa ampliación produciuse o traslado “pedra a pedra” dos mesmos, mellorando as condicións nas que se atopaban nalgún caso. As casas grandes son casas que, sen pertencer a unha familia nobre, teñen certa entidade debido a labores agrícolas, ben por herdanzas ou por compras de terra.
No primeiro deles, ao comezo da rúa, o pazo dos Ferrer, podemos observar un escudo de armas dos Bermúdez, Viladefrancos, Castro e Rioboo e un reloxo solar moi preto do escudo. Ademais dunha solaina de orientación sur, para gozar do agradable pasar das horas gozando ao sol.
A Casa Grande dos Caruncho, situada no medio, constitúe unha edificación de dúas plantas de dimensións amplas, con planta rectangular e un balcón nunha das fachadas, que na súa posición orixinal tiña orientación cara ao xardín. Esta familia tiña outra serie de casas espalladas polo municipio.
Da última das construcións, o pazo de Culleredo, destaca a súa balaustrada de pedra pola que se accede á planta principal da edificación; foi construído no século XVIII por D. Juan Sánchez do Piñeiro, oriúndo de Comillas, en Cantabria. Na fachada principal atopamos un escudo de armas, mentres que na fachada posterior non podemos deixar de observar a escaleira de pedra que leva ao piso superior. Destacan dous anexos, o de menor tamaño corresponderíase cun forno, o outro de maior tamaño era a capela, a cal estaría conectada coa casa, como se pode comprobar. Unha reprodución dun pozo e lavadoiro completan o fermoso conxunto.
O pazo de Lembeye, tamén en Culleredo, é moi interesante, aínda que a súa visita só se pode realizar polo exterior ao non estar aberto ao público. Pertenceu ao reputado naturalista Juan Lembeye, que descansa no cemiterio de Culleredo. O pazo presenta forma de L con dous corpos, ademais dunha solaina e balconadas.
Pero ademais dos pazos, Culleredo, pola súa posición privilexiada a carón da ría e o seu clima, converteuse no lugar favorito de nobres e aristócratas que decidiron construír as súas quintas de recreo e casas de liñaxe nobre no concello. Moitas delas, hoxe en día, aínda se conservan e na que destacan nomes tan famosos como o do escritor Alejandro Pérez Lugín, creador do libro La Casa de la Troya.
Onde:
Rúa Leonzas, Culleredo
Coordenadas:
43°17’27.7″N 8°23’21.6″W
43.291033, -8.389332