Situada a escasos metros da ponte medieval do Burgo, esta igrexa trasládanos ao medievo. Construída no século XII, coma moitas outras da contorna e do propio concello, sufriu modificacións no século XVIII, e máis recentemente, no XX e no XXI, cando tivo que ser restaurada por mor dun incendio.
O seu patrón é Santiago, non é estraño xa que está no lugar de partida de peregrinos que realizaban o percorrido a Santiago, o chamado Burgo de Faro, sito no que hoxe é O Burgo e O Temple. Os documentos da época fannos pensar que a poboación do Burgo de Faro foi moi importante, incluso superior á da Coruña da época. Como legado desa época hoxe en día se celebra un Mercado Templario.
O certo é que a igrexa que coñecemos non ten a súa planta orixinal, sufriu modificacións ao longo do tempo, segundo diversos autores podería ter sido na súa orixe basilical, é dicir, con tres ábsidas e tres naves, se ben hoxe en día chega ata nós con forma de cruz latina ou cruz grega. Unha das partes máis interesantes da igrexa son as tres ábsidas da cabeceira, con saeteiras abucinadas que permiten entrar a luz, tres na ábsida central e máis grande e unha en cada unha das laterais. As tres ábsidas teñen bóveda de forno ou de cuarto de esfera. O acceso ás mesmas faise a través de arcos de medio punto, con capiteis con motivos vexetais de influencia compostelá. Outro dos elementos máis significativos está fóra da igrexa, nun tímpano cun cordeiro e unha cruz cravada, o Agnus Dei tan típico do románico, que se conserva nunha das fachadas laterais. Ademais pódense comprobar os distintos períodos construtivos do templo nas pedras que compoñen o edificio e os canzorros no exterior da cabeceira.
As imaxes que atoparemos en Santiago do Burgo serán Santiago Peregrino, Santiago Guerreiro e a Virxe da Peregrina. A imaxe de Santiago Peregrino situada na fachada foi colocada no ano 1964.
Rúa San Iago
15670 O Burgo
Coordenadas:
43°18’57.9″N 8°21’44.6″W
43.316074, -8.362393